Catálogo
Recursos documentais
Recursos materiais
Entidades
Ficha completa
Ficha didáctica
Centros ensino
Concellos e comarcas

 

Rúa Catasol, 36
15800 Melide
agxpt@agxpt.gal

 

 

 

ESTRATEXIAS DE RECUPERACIÓN DESDE OS CENTROS DE ENSINO

Nos centros de Educación Infantil, de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria é moi doado facerse cun bo número de xogos populares e tradicionais da zona na que está inserido o centro. Sexa cal sexa o nivel -con diferente metodoloxía en cada caso, loxicamente- o propio alumnado pode ser o encargado de realizar un traballo de investigación sobre o tema, plasmando nun formato -canto máis simple mellor- de ficha de traballo de campo as súas propias prácticas lúdicas, aquelas que ten observado directamente ou, aínda por último, aquelas outras referidas de viva voz polas persoas adultas.

Acadado o primeiro obxectivo, atopamos ao centro educativo en posesión dun catálogo recompilatorio de xogos populares e tradicionais da zona, catálogo que, seguramente, é necesario estruturar -nunha segunda fase de elaboración- realizando agrupamentos de xogos segundo a súa tipoloxía, completando datos coas diferentes contribucións, etc. Un traballo, á fin, asumible tamén, sobre todo a partir de certas idades, polos propios alumnos e alumnas, convenientemente asesorados polo profesional pertinente.

Pero é precisamente a partir deste momento cando, de verdade, o xogo popular/tradicional comeza a ser protagonista das actividades escolares. En primeiro termo, podemos optar pola difusión do catálogo conseguido a través dunha sinxela publicación, publicación que, en todo caso, debe chegar ás casas dos alumnos e alumnas, pois estaremos, indirectamente, contribuíndo á recuperación da memoria histórica local. Cinguíndonos, non obstante, estritamente ao ámbito escolar, varias iniciativas aparecen neste momento como posibles desde a educación formal:

            a) En primeiro termo, a observación dos tempos de recreo, as máis das veces inferirá a necesidade de intervención nos mesmos, propoñendo xogos baixo os máis diferentes criterios metodolóxicos e, en todo caso, baixo uns obxectivos específicos directamente delimitados polos resultados da observación realizada.

            b) En segundo lugar, o currículo escolar ofrécenos áreas especialmente propicias á recreación dos xogos e xoguetes populares/tradicionais. Entre esas áreas poderiamos citar a Música, a Educación Física, a Tecnoloxía, a Lingua... Daquela, resulta factible que unha estratexia de esparexemento dos xogos recollidos sexa a súa utilización nestas e noutras áreas, cuestión que pode resultar especialmente significativa se falamos da construción de xoguetes populares, que, sen dúbida, debe ter cabida do xeito que manifestamos.

            c) Un último chanzo do proceso sería o da utilización declaradamente didáctica dos xogos recolleitos desde a perspectiva das máis diferentes áreas do currículo. Resulta talvez innecesario facer notar unha vez máis a interrelación evidente entre Educación Física e xogo popular/tradicional, pero tamén a área de Lingua pode utilizar a literatura oral recompilada -cantigas e recitados- como tamén o pode facer a Matemática con xogos de seriación que seguramente terán aparecido, as Ciencias Naturais con xogos que impliquen a diferenciación das partes do corpo ou a descuberta do medio, etc. Cómpre, logo, un asisado estudo do material obtido para comprobar de que maneira pode ser útil desde a perspectiva didáctica.

Non obviamos nesta descrición das estratexias de recuperación que se albiscan a presenza do xogo popular/tradicional como contido específico nalgunhas áreas do currículo, Ocorre que o consideramos un feito necesariamente asumible precisamente pola súa constatación na documentación oficial.

Todo o que se leva manifestado sobre os centros de ensino primario e secundario obrigatorio é igualmente válido no caso dos centros de ensino secundario postobrigatorio. Resulta evidente que, no caso destes últimos, a calidade do traballo recompilatorio e a procura de obxectivos máis específicos en áreas de coñecemento determinadas pode ser maior, toda vez que a idade -e a capacidade- do alumnado é tamén maior. Entendemos, pois, que desde a mesma óptica poden ser deseñados neste tipo de centros procesos globais de recompilación e de esparexemento que, na súa esencia, recollan os mesmos elementos postos de manifesto para a Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria. Non debe esquecerse a necesidade do xogo en calquera individuo e, especialmente, a capacidade creadora tradicional no que fai referencia á presenza de actividades lúdicas axeitadas para todos e cada un dos grupos de idade.

Desde a óptica da educación formal desde a que estamos falando, e un paso previo e fundamental constitúeo a observación do xogo espontáneo dos nenos e das nenas. A partir desa observación inferiremos, en primeiro termo, a necesidade de poñer en marcha ou non accións de recuperación dos xogos populares/tradicionais. En segundo lugar, a mesma práctica lúdica espontánea daranos pistas sobre as mellores e máis efectivas estratexias e seguir, e mesmo nos permitirá coñecer o grao de vixencia como actividades espontáneas dos elementos integrantes do catálogo lúdico tradicional.

Sobre a escola e sobre o xogo nas primeiras idades da vida do individuo, aínda unhas cantas apreciacións e iniciativas máis que nos parecen a todas luces necesarias nun ambicioso proxecto de recuperación e esparexemento das prácticas lúdicas de sempre:

            - É mester dotar os centros educativos de suficientes espazos de xogo. Ben coñecida resulta a imposibilidade de realizar determinadas actividades nos patios escolares ao uso; é necesaria a existencia de patios amplos e ben distribuídos onde, a carón dos deportes de masas, poidan poñerse en práctica outros tipos de actividades lúdicas, actividades entre as que se deben atopar os xogos populares e tradicionais.

            - A respecto desta idea, resulta igualmente imprescindible que desde os centros educativos se promova a práctica das actividades lúdicas tradicionais desde dúas estratexias, tan elementais como efectivas. A primeira, e a partir desa necesaria distribución dos espazos de xogo, delimitando terreos para unhas e outras actividades; é necesario que -igual que sucede cun campo de fútbol ou cunha cancha de baloncesto- estean permanentemente debuxados no chan os terreos de xogo de divertimentos tradicionais como a mariola, os birlos ou o marro. A existencia dun terreo de xogo permanente é unha invitación, tamén constante, para poñer en práctica ese xogo determinado. En segundo lugar, e dada a grande cantidade de xogos que non precisan dun terreo específico para seren practicados, cómpre tamén que nos centros educativos estean constantemente á disposición do alumnado os elementos necesarios para poñer en práctica determinados xogos como a corda, a goma ou os propios birlos.

            - Desde a institución escolar, ademais dos apuntamentos xa feitos explícitos, caben tres vías progresivas de tratamento do xogo popular/tradicional. A saber: desde unha áreas ou áreas específicas, desde proxectos interdisciplinarios de varias áreas, e, finalmente, desde un proxecto interdisciplinario global que abranga todo o centro e que, de ser posible, teña transcendencia fóra do propio ámbito escolar. Sendo calquera das tres vías valorables por si mesmas, non cabe ningunha dúbida que o obxectivo final -a recuperación dos xogos- só será posible cunha implicación global do profesorado e do alumnado.

FASES DO PROCESO

  • Observación do xogo espontáneo.
  • Traballo de campo. Recompilación de xogos da zona.
  • Análise do material recollido. Estruturación.
  • Difusión da recompilación dos xogos no centro e no medio.
  • Reintegración dos xogos ao centro:
    • Nos tempos de recreo (XOGO ESPONTÁNEO).
        • Adquisición (construción) dos materiais de xogo.
        • Redefinición dos espazos de xogo.
        • ...
    • Emprego dos xogos, especialmente, nalgunhas áreas (XOGO EDUCATIVO).
        • Música, Lingua, Educación Física, Tecnoloxía...
        • Construción de xoguetes.
        • ...
    •   Emprego dos xogos en calquera área cunha finalidade didáctica (XOGO DIDÁCTICO).

     

    Paralelamente, deseño de estratexias para que as iniciativas de recuperación transcendan ao medio.