1ª Olimpíada de Xogos Tradicionais Galegos

Mosteiro – Pol (A Terra Chá), 15 de outubro

Non foi unha “Olimpíada” ao uso, senón unha proposta de xogos competitivos nun ambiente festivo, programada nun dos encontros do grupo de traballo EIP-AGRI, que asesora a Comisión Europea en asuntos relacionados co medio rural.

Unha experiencia realmente gratificante na que a AGXPT tivo a honra de participar da man da Asociación ARCASCO-Carballal e do Club de Bolos O Cadaval. O Concello de Pol foi quen exerceu de anfitrión.

Da “Olimpíada” sacamos varias experiencias que poden servir para desenvolver proxectos semellantes noutros lugares e con outro tipo de concorrentes. Particularmente significativa, pola súa utilidade, foi probar a aplicación creada por Anxo L. Eiriz, integrante da Asociación ARCASCO-Carballal con sede na Órrea, para xestionar a competición. Competición… algo moi diferente da competitividade, que foi algo totalmente alleo ao evento.