A AGXPT será unha das entidades galegas presentes na 25ª Asemblea da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais

Las Palmas de Gran Canaria, do 9 ao 12 de xullo de 2026

Os xogos tradicionais galegos estarán representados na 25ª Asemblea Xeral da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, que se celebrará entre o 9 e o 12 de xullo en Las Palmas de Gran Canaria.
A Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais (https://aejest.com/) foi fundada en Lesneven (A Bretaña) o 28 de abril de 2001 por parte de case 100 organizacións do continente. A súa finalidade: a investigación e a divulgación dos patrimonios lúdicos nacionais, así como a promoción de organizacións e proxectos locais. Acabou promovendo tamén a coordinación con iniciativas doutros continentes. Os colectivos —e as persoas particulares— integrantes da Asociación poden verse na súa páxina web, sendo na actualidade 124. Proceden de todas as partes do continente.
Galicia, a través da AGXPT, mantívose en contacto permanente coa AEXDT desde o primeiro momento, e foi no ano 2003, nun encontro celebrado en Nantes, onde ese contacto se tornou presencial. A partir de entón mantén unhas relacións constantes, que se concretan no intercambio permanente de información e na participación en proxectos comúns.
O noso país está presente na AEXDT a través do Museo Etnolúdico de Galicia de Ponteceso (MELGA), da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) con sede en Melide, e da investigadora rianxeira Manuela Vázquez Coto. Nesta ocasión serán representantes das dúas entidades citadas as presentes fisicamente en Las Palmas.
O Goberno Canario é recoñecido pola súa promoción e divulgación do rico patrimonio lúdico das illas. Na actualidade, dentro da súa estrutura existe unha Dirección Xeral de Deportes Autóctonos, algo impensable noutras realidades. É precisamente esta Dirección Xeral a que promove o programa que se vai desenvolver arredor da Asemblea, e que consta, por exemplo, dun encontro de xogos tradicionais das Illas.

Ligazón ao vídeo promocial da Asemblea.