Rúa Catasol, 36
|
Que é a AGXPT? A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional pretende, basicamente, unir esforzos para favorecer o desenvolvemento e a práctica dos xogos e deportes tradicionais e populares galegos, e para logralo, contempla entre as súas liñas de actuación a creación dunha rede de información e de divulgación sobre as actividades lúdicas populares e tradicionais, a promoción e axuda á posta en marcha doutras asociacións ou entidades de ámbito local ou comarcal con finalidades semellantes ás da AGXPT, a organización de encontros, conferencias, congresos e, en xeral, calquera tipo de actividades sobre o tema, a edición de boletíns, revistas e libros, utilizando os medios audiovisuais para a información e a formación, ou a promoción e apoio de traballos de investigación orientados ao inventario ou aplicación educativa, deportiva ou recreativa dos xogos e deportes tradicionais. Incluso antes de ter sido recoñecida oficialmente, a AGXPT iniciara xa as súas actividades poñendo en marcha un servizo de divulgación dos xogos e deportes tradicionais dirixido a centros de ensino, asociacións de base, concellos ou comisións de festas... Trátase, co claro referente de entidades vascas que realizan un traballo semellante, de recuperar espazos e tempos nos que o patrimonio lúdico tradicional galego poida exercer o protagonismo do que sempre gozou. A AGXPT está integrada na ASOCIACIÓN EUROPEA DE XOGOS E DEPORTES TRADICIONAIS,
entidade constituída por todo tipo de colectivos do continente que contemplan entre os seus obxectivos a
recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais. |