O xogo popular e tradicional no mundo

 

Rúa Catasol, 36
15800 Melide
agxpt@agxpt.gal

 

O XOGO POPULAR E TRADICIONAL

O “QUE” É O XOGO POPULAR E TRADICIONAL

Se resulta difícil chegar a unha definición precisa do xogo, enumerar as características específicas do xogo popular acaba por ser máis doado, deixando á marxe as pequenas diverxencias entre os estudosos sobre os conceptos xogo popular e xogo tradicional -o xadrez sería un xogo tradicional, mais non un xogo popular; un xogo inventado polas novas xeracións de rapaces sería co transcorrer do tempo un xogo popular, mais non un xogo tradicional-.

Xogo popular é, polo tanto, aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida.

Máis alá da propia vertente lúdica, esta sinxela definición agacha tras si unha grande transcendencia cultural. Os xogos populares forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular. Alén diso, porén, debe tamén ser destacada de contado a segunda grande característica do xogo popular, precisamente pola súa transcendencia educativa. Os xogos populares, por constituíren unha creación cultural orixinal, son -foron- transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre adultos e nenos dun grande valor educativo.

OS TRAZOS DISTINTIVOS DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL

• O xogo popular e tradicional está plenamente integrado no contorno, tanto no que fai referencia a espazos ou medios como, particularmente, ao xoguete, cando este fai falta para que o xogo teña lugar, pois o xoguete non é nin máis nin menos que un material presente no contorno transformado para ser útil na actividade lúdica.

• Posúe regras e condicións cambiantes, precisamente por esa necesidade de se adaptar ao medio e ás circunstancias concretas nas que vai ser practicado.

• O feito de carecer de regras fixas e de que estea plenamente integrado no medio, provoca que o xogo popular poida ser re-creado constantemente, aparecendo continuamente novas variantes de determinado xogo. Igualmente, o medio provoca que de continuo sexa factible crear novos xogos a partir das novas circunstancias concretas que se van sucedendo.

• O xogo popular non é só xogo. Cando un xogo popular é realizado importa tanto todo o que o rodea como o xogo en si. Desde a propia elección do xogador que panda -cando isto é preciso- como as actitudes dos xogadores, as súas reaccións ou a linguaxe utilizada, todo forma parte da propia escenificación do xogo, e é imprescindible ter isto en conta para analizar o propio xogo. Esta constatación leva a algún autores a manifestar que non é posible fixar por escrito os xogos populares, porque os xogos populares hai que velos para comprendelos realmente.

• O xogo popular infantil está intimamente ligado ás actividades dos adultos, aínda que non só. Os xogos populares de nenos e nenas son, na súa esencia, imitacións do traballo adulto.

• Nacido no seo dunha sociedade que precisaba actividades lúdicas para todos os seus membros, o xogo popular existe para todas as idades, desde o bebé acabado de nacer -os primeiros axóuxeres, por exemplo- ata o membro de maior idade –xogos-deportes tales como a petanca ou os birlos, por exemplo-.

• A principal función do xogo popular é procurar a enculturación dos individuos novos da sociedade. Tanto é así que a algúns autores só lles interesa o xogo popular desde esta perspectiva. Este sería o verdadeiro sentido do xogo popular.

• O xogo popular, cando lle cómpre, sérvese de xoguetes elaborados artesanalmente polo neno ou polo adulto que o acompaña a partir dos materiais que ofrece o medio. Na construción de enredos populares pode identificarse un adestramento de habilidades necesarias desde un punto de vista educativo.

• O xogo popular supón a interrelación constante entre neno e natureza, integrándose aquel nesta, como un verdadeiro elemento máis da propia natureza.

• O elenco de xogos populares sucédese ao longo do ano, nas distintas estacións, precisamente porque en cada unha delas a natureza, e o medio en xeral, pon a disposición de nenos e adultos elementos distintos, independentemente doutro tipo de implicacións.

OS XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS GALEGOS

O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. Desde esta convicción falamos, logo, de xogos populares galegos porque, malia a termos un grande número de xogos en común con outras culturas do noso contorno, temos tamén as suficientes creacións orixinais para significar a nosa singularidade nas creacións lúdicas. Segundo investigadores como Moreno Palos, Galicia aparece, só despois do País Vasco e Navarra, no segundo grupo de comunidades autónomas españolas polo seu número de xogos e deportes tradicionais, e mesmo polo seu nivel de preservación e vixencia.

Os xogos populares son creados para satisfacer unha necesidade lúdica inevitablemente marcada polo xeito de vida do pobo creador. Os xogos populares galegos están sempre plenamente enraizados no medio, pero unha das súas virtualidades esenciais é que permiten ser recreados e modificados constantemente, cultivando, xa que logo, a creatividade.

Se, neste intento por descubrir a vixencia dos xogos populares galegos, nos detemos agora nos valores xenéricos do xogo, comprobaremos que en nada desmerecen os nosos xogos dos xogos modernos e industriais. Así e todo, cómpre observar que, máis alá desa actividade pseudolúdica facilitada por xoguetes que converten ao neno nun mero espectador pasivo, existen tamén xoguetes modernos cunha grande virtualidade educativa. Se pensamos, porén, en catro nenos xogando con coches teledirixidos e os contrapoñemos a outros catro nenos xogando simplemente á pita cega, a incidencia do xogo popular en cada un dos campos -físico, moral, intelectual, educativo, cultural- é, obviamente, máis profunda que a do xogo industrial. Tal comparanza pode ser levada a cabo con infinidade de xogos máis, aínda admitindo a existencia no mercado de xoguetes nada desprezables.

Aínda por último, cómpre amentar a tan traída e levada destrución dos xoguetes por parte dos rapaces e rapazas. Os sofisticados enredos mercados son rotos ao segundo día nunha boa porcentaxe porque os seus propietarios e propietarias descoñecen como son por dentro, e necesitan coñecelos para satisfacer a súa curiosidade. Pois ben, á destrución dos xoguetes modernos podemos contrapoñer a construción dos xoguetes populares. Non só os xogos populares utilizan, cando os precisan, elementos do contorno -xa que logo, ecolóxicos, baratos, educativos-, senón que son os propios nenos os que constrúen os seus xoguetes, ben dun xeito simbólico -a vasoira que se converte en cabalo-, ben dun xeito real -a palla que se converte en frauta-. Un neno nunca esnaquizará unha carrilana.