Concellos e comarcas
ESTRATEXIAS DE RECUPERACIÓN DESDE UN CONCELLO OU COMARCA
Os xogos forman parte do patrimonio colectivo. Recuperar e poñer en valor os xogos tradicionais debe ser tamén unha obriga dos entes municipais ou comarcais. Nesta sección ofrecemos un bosquexo dun plan de recuperación do patrimonio lúdico local a través de sinxelos pasos que perseguen xustamente iso, recuperar para o día a día colectivo as prácticas lúdicas de sempre.
Pero repárese tamén en que o potencial do xogo tradicional non debe ser desprezado desde o punto de vista económico. Os xogos –e os deportes– tradicionais son practicados por persoas que, caso de se desprazaren, usan vehículos colectivos e precisan restaurantes para comer, necesitan construír ou comprar os elementos necesarios para a práctica do xogo/deporte en cuestión, desde os propios elementos do xogo ata a indumentaria… e sobre todo a nosa parroquia ou barrio, o noso concello, a nosa comarca, poden ser identificados tamén por aquel xogo –ou por aquela modalidade específica dun xogo xa coñecido– que alí existe; é dicir, o xogo pode converterse nun modesto motor económico. En Galicia existen xa experiencias moi satisfactorias desta liña de traballo arredor do xogo tradicional.
QUE? | PARA QUE? | QUEN? |
Actividade de formación para o persoal técnico municipal e/ou comarcal | Formar os técnicos/as que vaian participar no proxecto. A actividade tamén podería estar dirixida ás asociacións de base. | Persoal da AGXPT |
Reunións en cada parroquia/barrio | Conseguir a implicación do maior número de persoas posible no proxecto. Particularmente, estimular a memoria colectiva relativa aos xogos. Realizar unha primeira recollida de xogos. | Persoal técnico Asociacións de base |
Xornada de práctica de xogos en cada parroquia/barrio | Practicar unha batería de xogos tradicionais galegos, infantís e de persoas adultas. Estimular a memoria colectiva relativa aos xogos e practicar xogos específicos da comarca, do concello ou da parroquia/barrio. Completar a recolla dos xogos da parroquia/barrio. | Persoal técnico Asociacións de basePersoal da AGXPT |
Análise e estruturación da recolla de xogos | Posuír unha base de datos de xogos propios do concello ou comarca e, en especial, de variantes de xogos xa coñecidos. O obxectivo sería ordenar o material para publicalo. | Persoal técnico con apoio da AGXPT |
Divulgación da recolla de xogos | Divulgar os xogos tradicionais do concello/comarca en diferentes formatos: libro, vídeo, páxina web… | Concello/ente comarcal |
Adquisición de materiais de xogo | Posuír unha ludoteca municipal/comarcal de xogos tradicionais. | Persoal técnico con apoio da AGXPT |
Sesións de aprendizaxe de xogos nos centros educativos do concello ou comarca | Conseguir que os xogos sexan coñecidos e practicados polos nenos/as e adolescentes. Nomeadamente, trataríase de recuperar xogos –e variantes de xogos– locais. | Persoal técnicoAsociacións de baseVeciños/as |
Presenza dos xogos tradicionais nas feiras e festas existentes no concello ou comarca | Conseguir normalizar os xogos no día a día local. | Persoal técnicoConcello/ente comarcalAsociacións de baseComisións de festas |
Organización de competicións dalgunhas modalidades de deportes tradicionais ao longo do ano | Recuperar os deportes tradicionais: estornela, chave, birlos, tiro de corda… | Persoal técnicoConcello/ente comarcalAsociacións de baseComisións de festas |
Participación dalgún equipo local nas competicións galegas de deportes tradicionais | Posuír representacións locais nesas competicións: Liga Nacional da Billarda, Campionato Galego de Birlos, Liga da Chave… | Persoal técnicoConcello/ente comarcalAsociacións de base |
Convocatoria de foros de debate e cursos de formación sobre o patrimonio lúdico | Visibilizar cara ao exterior o proxecto desenvolvido no concello/comarca e os seus logros. | Persoal técnicoConcello/ente comarcalCentros de ensinoAsociacións de base |
Incorporación do xogo tradicional aos parques de xogos existentes | Levar os xogos tradicionais ao seu lugar natural. | Concello/ente comarcal |
Recuperación para o xogo dos espazos tradicionais onde se desenvolveu | Recuperar os espazos tradicionais de xogo –as prazas, por exemplo– aínda que só sexa de xeito circunstancial | Concello/ente comarcal |
… | … | … |